A Xunta redactará o proxecto para a substitución da cuberta do pavillón no IES Moncho Valcarce

A Xunta encargará nestas próximas datas a redacción do proxecto para a substitución da cuberta do pavillón do IES Moncho Valcarce de As Pontes de García Rodríguez. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana, mantiveron unha reunión coa dirección do centro á que se lle trasladou a previsión que existe para a execución dos traballos necesarios que deben acometerse na cuberta do pavillón.
Así o departamento autonómico anunciou a próxima redacción do proxecto co obxectivo de que as obras poidan ser executadas en 2026, cunha estimación das mesmas no entorno dos 100.000 euros.
A delegada territorial sinalou que esta actuación enmárcase no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está modernizando os centros de ensino, converténdoos en instalacións máis eficientes, sostibles e axustadas ás necesidades educativas actuais.
“Continuamos planificando as actuacións de xeito progresivo en función das necesidades que requiren os diferentes centros educativos”, indicou Aneiros quen lembrou que en Galicia hai actualmente máis de 1.600 edificios cunha antigüidade media de 40 anos.