A Xunta reforza os medios materiais da Agrupación de Protección Civil de Meira cun novo todo terreo
A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza continua co reforzo de medios materiais das Agrupacións de Protección Civil da provincia co obxecto de mellorar a resposta ante as emerxencias.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que un dos concellos beneficiados destes apoios será o de Meira, que recibirá un vehículo todo terreo modelo “pick up”.
Estas camionetas ademais de estar completamente equipadas e adaptadas para desprazarse na maior parte dos incidentes que poidan producirse e na atención das emerxencias máis habituais, teñen unha excepcional capacidade de carga e, de ser preciso, de arrastre doutros vehículos.
Ao longo de todo o ano e tamén nas vindeiras datas estase levando a cabo unha distribución de material que permite aos Voluntarios de Protección Civil estar mellor preparados que nunca.
Achega económica adicional
De xeito complementario a achega deste vehículo, a Xunta tamén concedeu á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Meira unha axuda de 1.600 euros para diversos gastos de funcionamento.
Lembremos que, aos servizos de protección civil municipais correspóndelles o primeiro nivel de resposta fronte a calquera emerxencia e para iso precisan dun equipamento adecuado que posibilite unha mellor capacidade de intervención co fin de acadar un maior grao de seguridade para os cidadáns.