A Xunta súmase á colaborar coa celebración dunha nova edición da Moexmu

A Xunta renova un ano máis a súa colaboración coa Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), que se celebrará os días 10, 11 e 12 de abril no recinto feiral Manuel Vila.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe co xerente da mostra, José Manuel Rus, e o vicepresidente da comisión organizadora, Avelino García Parga, para abordar os detalles desta 42ª edición. Na xuntanza participou tamén o alcalde de Cospeito, Armando Castosa. Como é habitual, ademais de dar soporte á feira, o apoio da Administración galega incluirá tamén a achega de trofeos para entregar nos distintos certames que se celebrarán no marco da mostra.
En canto á programación prevista, este ano haberá dobre certame de gando frisón: o 40º da Moexmu e o 34º Concurso Autonómico de Raza Frisona da Federación Frisona Galega (Fefriga), que xa se celebrara en Muimenta no ano 2022. Manteranse ademais outras citas clásicas como a 40ª Exposición de Raza Rubia Galega, a 30ª Poxa de Gando Selecto, o 25º certame de Xóvenes Manexadores e o 5º de Xóvenes Peladores.
Arias destacou o papel que xoga a Moexmu na dinamización dun sector estratéxico da economía da provincia como é o agrogandeiro. Durante tres días de intenso programa, “esta feira é o mellor escaparate para exhibir ante o público en xeral o valor que teñen as profesións vinculadas ao rural”.