A Xunta supervisa o traballo nas tres casas niño que subvenciona en Rábade

A Xunta impulsa un recurso gratuíto de conciliación para as familias de Rábade co financiamento de tres casas niño, que ofrecen atención profesional a nenos e nenas de ata 3 anos.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou o centro Ledicia, promovido no ano 2024 por Miriam Díaz. No municipio tamén funcionan as casas niño Vagalume e Meu Ben.
Arias lembrou que cada casa niño atende un máximo de cinco nenos en horario diúrno de luns a venres, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade, dado que se esixe unha formación ou experiencia laboral específica e impóñense requisitos e normas de seguridade nos inmobles.
A provincia de Lugo conta con 29 centros destas características, que ofertan 145 prazas de atención á infancia en 20 municipios. A Consellería de Política Social e Igualdade publicou este verán as axudas concedidas aos promotores para garantir a súa continuidade ata 2028, que suman 2,8 millóns de euros.
O delegado salientou que esta modalidade está pensada para os municipios rurais que carecen doutros recursos de conciliación no seu entorno, e dende que comezaron a implantarse en 2016 tiveron moi boa acollida. Nos concellos da comarca de Lugo prestan servizo nove casas niño co financiamento da Xunta. Ademais das tres de Rábade, hai outras tantas en Castroverde, dúas en Portomarín e unha no Corgo.