A xustiza di non á petición de PP e Deputado non adscrito de paralizar a apertura das residencias de Pol e A Fonsagrada
O Xulgado Contencioso Administrativo Número 2 de Lugo vén de ditar un auto no que di non á petición dos Deputados do Partido Popular e o non adscrito de paralizar de xeito inmediato a apertura das residencias de Pol e A Fonsagrada. Cómpre lembrar que ditos representantes políticos presentaron recursos contenciosos contra as contratacións de prestacións para maiores (limpeza, manutención e asistencia básica) aprobadas polo Goberno da Deputación para poder poñer en funcionamento os centros de maiores. Este xoves o xulgado notificou ao organismo provincial a desestimación das medidas cautelares contras as residencias e centros de día de Pol e A Fonsagrada. O Executivo Provincial abrirá este mes de maio o centro de Pol. O da Fonsagrada tamén podería abrirse se a Xunta de Galicia concede o Permiso de Inicio de Actividade (PIA) cuxa concesión retrasa dende hai meses.
O auto apunta textualmente que “efectuada la ponderación de intereses en esta sede cautelar, se ha de primar el interés público dado la importancia del objeto del procedimiento, pues non encontramos con un tema relacionado con la gestión de un servicio público –centro residenciales de la tercera edad- que de paralizarse la licitación anunciada por los acuerdos recurridos, o bien, en su caso, la adjudicación concedida a outra empresa, se vería retardada en demasía la futura apertura de unos establecimientos tan necesarios en la actualidad lo que podría producir prejuícios de consideración para las personas solicitantes de este servicio....”
Prazas para todos os lucenses, que teñen prioridade de acceso e axudas económicas
Deputación e Concellos construíron en solitario os centros de maiores aínda co voto en contra dos representantes do PP no organismo provincial e a negativa da Xunta de colaborar. Tendo en conta que as residencias e centros de día se fixeron para responder á necesidade dos lucenses de contar con este servizo público na provincia e que se fixeron con fondos públicos de todos os veciños nas súas entidades locais, Deputación e Concellos aprobaron un modelo pioneiro en España, que establece que as prazas sexan para os maiores da provincia (primeiro para os do Concello onde se sitúa o centro, logo para os da Comarca ou Bisbarra e seguidamente para lucenses en xeral); que o seu prezo se calcule en base a súa capacidade económica e que, se concedan axudas económicas públicas, por parte da Deputación e en menor parte dos Concellos, aos usuarios da provincia que non conten con ingresos suficientes para pagalas. A Xunta tampouco quixo colaborar no financiamento das prazas.
O modelo de Deputación e Concello garante aos maiores da provincia un acceso universal ás prazas de residencia e centros de día. Deste xeito, na residencia de Trabada os usuarios que se atopan no centro son veciños deste Concello, que pagan unha media de 640 euros pola praza grazas ás axudas económicas públicas concedidas. Administracións de distintos puntos de España puxéronse en contacto co organismo provincial, amosando o seu interese por este modelo pioneiro no país.
Trabas
Dende hai moito meses, os Deputados do Partido Popular e o non adscrito interpuxeron todas e cantas trabas estiveron ao seu alcance dende SUPLUSA para que non se abrisen as residencias. Por exemplo, non entregaron as chaves dos edificios que se lles reclamou ata en 7 ocasións e tivéronse que cambiar as pechaduras; a documentación necesaria para dar de alta a luz e a auga ou para poñer en funcionamento os ascensores, tendo que contactar coas empresas encargadas da instalación destes servizos imprescindibles para o funcionamento dos centros, entre outras moitas. O Goberno da Deputación foi superando estas trabas que retrasaron a apertura dos centros cun intenso traballo diario. Pero visto que o Executivo Provincial e os municipios avanzaban no funcionamento dos centros, os Deputados do PP e o non adscrito acordaron por unanimidade presentar recursos contenciosos administrativos dende SUPLUSA contra as contratacións das prestacións que faga a Deputación para abrir as residencias.
A Xunta de Galicia colabora cos intereses de PP e Deputado non adscrito, pois non responde aos requirimentos que lle fai a Deputación, tentando que non se produza a apertura dos centros ou que non se avance nos mesmos. Por exemplo, segue sen conceder o PIA para poder poñer en funcionamento o centro de maiores da Fonsagrada e tampouco o permiso de construción da residencia de Guitiriz para iniciar as obras cando a Deputación as ten contratadas e polo tanto listo para poñelas en marcha. Tampouco quixo responder á comunicación que lle fixo a Deputación sobre o cambio de titularidade das residencias rematadas.
O Goberno da Deputación tamén está a espera dende hai semanas que PP e Deputado non adscrito entreguen os terreos, edificios, chaves e documentación das residencias de Meira, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil, que manteñen en SUPLUSA, para poder comprobar o resultado das obras e avanzar na apertura destes centros, seguindo o modelo de prazas para todos os veciños da provincia de Lugo.