A XVII Tasca do Liño reivindica o papel das mulleres e a conservación dos oficios tradicionais

TerraChaXa
A cita, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais coa colaboración do Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo, reuniu demostracións, obradoiros e música nunha xornada de celebración da cultura e o patrimonio rural
Tasca-do-Liño-Vilalba-25
25 Oct 2025

A parroquia vilalbesa de San Bartolomeu de Insua acolleu a décimo sétima edición da Tasca do Liño, a tradicional cita organizada pola Asociación de Mulleres Rurais da localidade, que cada ano rende homenaxe a un oficio histórico e símbolo da identidade rural galega, unha xornada de celebración arredor do proceso de limpeza e fiado do liño e do patrimonio inmaterial creado arredor deste labor que recaeu tradicionalmente nas mulleres.

A xornada, que contou coa colaboración do Concello de Vilalba, a Deputación de Lugo e a Fundación Artesanía de Galicia, desenvolveuse ao longo de todo o día con demostracións da tasca do liño, música tradicional, degustacións gastronómicas, exposicións e obradoiros abertos a todos os públicos.

Durante o acto de apertura, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, puxo en valor “o traballo da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, que durante todo o ano loita pola conservación e a difusión dun oficio tradicional como o do liño, parte esencial da nosa historia e do noso patrimonio material e inmaterial”. A rexedora destacou que a Tasca do Liño “é xa unha cita consolidada coa nosa memoria colectiva e as nosas tradicións, que se achega á maioría de idade como unha xornada de celebración e reivindicación”.

Rouco subliñou tamén “a importancia de recoñecer o papel das mulleres neste oficio, pois foron e seguen sendo elas quen sosteñen esta práctica e moitas outras que foron invisibilizadas durante demasiado tempo”. Engadiu que “reivindicar o traballo feminino é tamén preservar a nosa identidade e facer xustiza coa historia”.

Xunto á alcaldesa participaron tamén no acto o deputado provincial de Medio Ambiente e alcalde da Fonsagrada, Carlos López López; a deputada provincial de Cultura, Iria Castro; e a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais, Lourdes Otero Mato. O pregón correu a cargo de Antón Tenreiro.

A deputada de Cultura, Iria Castro, recoñeceu o labor da asociación “na recuperación desta labor tradicional e na súa actualización, demostrando que a tradición non é para gardar nos museos senon que serve tamén para construír o futuro”. A responsable provincial puxo en relevo tamén “a importancia destes traballos colectivos na creación dese patrimonio oral que estamos celebrando este ano coa homenaxe das Letras Galegas ás cantareiras” e parabenizou “ás mulleres de Ínsua por iniciar hai xa dezasete anos ese camiño de recoñecemento e valorización das tradicións”.

O deputado Carlos López agradeceu “o esforzo deste colectivo, do Concello e da veciñanza que sostén ano tras ano este evento, así como a implicación das e dos artesáns”, e destacou “o valor dun oficio que require coñecemento e paciencia, e que dá como resultado pezas de gran calidade”. O deputado incidiu en que “o rural necesita actividade, xente e oportunidades, e eventos como este son un exemplo de dinamización e orgullo local”.

A programación desta décimo sétima edición incluíu demostracións da tasca do liño, un xantar popular, actuacións de música tradicional, degustacións do ‘cacho’ e varios obradoiros participativos de tinguido con técnica tie dye, estampaxe en papel reciclado e cerámica, organizados pola Fundación Artesanía de Galicia. Tamén se exhibiron traxes tradicionais nunha mostra do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), e desenvolveuse unha entrevista co historiador Manuel Rodríguez Calviño sobre os espadeadores do liño.

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou tamén o evento e destacou “o valor destas iniciativas na divulgación dos oficios artesanais e na visibilización do traballo tradicional vinculado á produción e ao tecido do liño”. A Tasca do Liño contou cunha achega económica de 2.000 euros da Deputación de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.069939851760864