A XVIII Festa do Polbo da Pedra celebrarase o Xoves Santo en Xove

TerraChaXa | AMariñaXa
9 Abr 2019

O próximo 18 de abril, Xoves Santo, a partir das 12:00 horas nos locais de hostalaría de Xove poderase degustar o polbo preparado en varias especialidades: á feira, en empanada, ao alliño, á brasa, en vinagreta, con queixo de San Simón, á mariñeira, con mollo de allo, en pizza, ou revolcón.

A ración ronda os 10 euros aínda que hai especialidades que poderán custar menos ou máis desta cantidade.
Exposición do polbo e o seu ecosistema
Dende o día 2 e ata o 28 de abril permanecerá aberta en horario de 10:00 a 21:00 horas na Sala de Exposicións do Salón de Actos do Concello de Xove unha mostra que aborda a vida e o ecosistema deste cefalópodo.
Obradoiros para nenas e nenos
O xoves 18 ás 12:00 horas as máis pequenas e pequenos da casa poderán asistir ao espectáculo de monicreques Ariadna da compañía ‘Mircromina Teatro de Títeres’, unha compañía que dirixe as súas actuacións ao público infantil e familiar, apelando ao humor, á intelixencia e á consciencia. Creada por Ton Arenas en Mondoñedo. Tamén visitarán a exposición de ‘O Polbo e o seu Ecosistema’ a través dun obradoiro no que realizarán un cefalópodo con diferentes materiais.
Construír o futuro de Xove mirando ao mar
A XVIII Festa do Polbo da Pedra de Xove enmárcase dentro do proxecto Construir o Futuro de Xove Miran-do ao Mar financiado polo Galp Mariña-Ortegal, que organizará tamén este ano a Festa do Percebe, as Xornadas Gastronómicas e o Tapeo do Mar e as Visitas Guiadas en Embarcación á Illa de Ansarón.
Trátase un proxecto impulsado desde o Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Xove e promovido por 3 entidades: unha do Sector Público, o propio Concello de Xove, unha do Sector Social, Asociación a Medorra, e unha do Sector Económico, a ACIAM.
Ten como principais obxectivos dinamizar turística, social e economicamente Xove e a zona da Mariña-Ortegal, dar a coñecer os produtos do mar procedentes da zona Mariña-Ortegal, aumentando o seu valor engadido e potenciando o seu consumo, logrando que isto poida repercutir nun aumento do valor económico dos produtos pesqueiros e dotar ao sector hostaleiro de Xove das ferramentas necesarias para desenvolver os elementos diferenciadores que lles permitan ser máis competitivos, fomentando así o crecemento económico.
0.18004488945007