A XXX Feira de Fungos e Cogomelos das Pontes será o 26 e 27
O vindeiro 26 e 27 de outubro o Concello das Pontes acollerá a celebración da XXX Feira de Fungos e Cogomelos.
O programa, ideado pola Concellería de Cultura, inclúe un amplo abano de actividades que comezarán o 26 coa mostra e venda de produtos de outono, ecolóxicos e naturais. Coa feira Son de Campo porá a venda cogomelos frescos e envasados, produtos de alimentación, agasallos e artigos de cosmética.
Ás 11.30 horas será a entrega de premios do certame O mundo da micoloxía, e ás 12.00 horas haberá unha actuación infantil a cargo de Mamá Cabra.
Xa a partir das 12.00 horas os asistentes poderán degustar deliciosas propostas gastronómicas nos food trucks instalados para a ocasión, e ás 13 horas Las Antonias amenizarán a xornada cun concerto que mestura fusión e humor, despois, será a verbena vermú na que convivirán Rubén Blades, orquestra Panorama, Metallica, Bad Bunny ou a Miami Sound Machine entre outros.
Ás 17.00 horas o chef Kike Piñeiro impartirá un showcooking, ás 19.00 horas será a quenda do showcooking do chef Diego López e ás 20.00 horas comezará o Festival de Música Coral de Outono coas corales Diapasón, San Roque, Acordes e Endesa das Pontes.
Ás 20.30 horas Nastasia Zücher actuará para os presentes e ás 22.00 horas comezará a actuación de The Best Boy.
O domingo 27 ás 9.00 horas dará inicio a presentación das Cestas de fungos a concurso e ás 11 horas será a exposición de especies de fungos e venda de alimentación.
Ás 12.00 horas comezará o espectáculo infantil de Uxía Lambona e a Banda Molona e a partir das 12.30 horas os presentes poderán degustar na carpa do colexio de Santa María un exquisito menú composto por dous pratos e sobremesa elaborados con fungos e cogomelos silvestres. O prezo do menú será de 12 euros.
Ás 13.30 horas haberá clases abertas con animación e baile swing, coa participación de Compostela Swing e Swing Jazz Lugo nas que se aprenderán pasos deste estilo, e que poderás poñer en práctica co grupo The Sar Swing Quarter.
Pola tarde, a partir das 16.00 horas, darán comezo as visitas guiadas á Casa do Mel de Goente, que finalizarán ás 21.00 horas, e ás 18.30 horas o famoso actor e humorista Carlos Branco presentará no cine teatro Alovi o seu espectáculo Os mellores monólogos.
FEIRA DE OPORTUNIDADES
Ao carón da Feira de fungos enmarcase unha nova edición do mercado de oportunidades das Pontes que se celebrará durante o 26 e 27 de outubro.
O mercado contará un ano máis con numerosos stands, un total de vinte, onde se poderán adquirir artigos de roupa, calzado, xoiería, agasallos, ou decoración a prezos inmellorables.
O mercado, que se levará a cabo na avenida da Coruña e estará aberto en horario de 10 a 15 e de 16.30 19.00 horas.
Sortearanse seis vales de compra, tres por día, de 100 euros entre os clientes que adquiran algún artigo