A XXXIV Festa ó Emigrante reunirá a preto de 2.000 persoas en Pol co apoio principal do Goberno da Deputación
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, presentaron este luns a XXXIV edición da Festa ó Emigrante que terá lugar na Carballeira de Mosteiro desta localidade o vindeiro xoves, 24 de agosto. O organismo provincial é o principal patrocinador da cita cunha achega de 6.000 euros, dentro da súa aposta pola celebración de eventos lúdicos e culturais nos diferentes Concellos da provincia, como unha das liñas do seu Plan Estratéxico de Turismo.
Campos Conde subliñou que “a Festa ó Emigrante de Pol é unha das iniciativas consolidadas na provincia, como homenaxe ás persoas que un día tiveron que abandonar o seu fogar na procura dun futuro máis prospero. Na pasada edición superáronse os 2.000 participantes, e non me cabe dúbida de que este ano volverá a repetir éxito, pois conta cunha ampla e diversa programación para todos os públicos”.
O Presidente engadiu que “dende o Goberno da Deputación impulsamos esta cita, pois consideramos que se trata dunha ocasión única para dinamizar a economía local e promover a nosa cultura tradicional. Deste xeito, á achega económica súmase unha demostración de tear que ofrecemos a través do Programa de Promoción da Artesanía do CentrAD”.
A Festa ó Emigrante dará comezo ás 13:00 horas. Nesta ocasión o encargado de dar o pregón será o exfutbolista galego do Deportivo, Real Madrid e Sevilla, Paco Buyo, que aproveitará para presentar o seu libro “Buyo. Mi vida en una parada”.
Como é tradición, a festa inclúe o descubrimento da placa do XXXIV aniversario da Festa ao Emigrante do Concello de Pol instalada xunto ás dos anos anteriores na propia carballeira, onde tamén se sitúa a estatura ao emigrante.
Ao mediodía haberá un xantar popular coa degustación dunha xovenca asada no campo que se repartirá entre as persoas asistentes. E, xa pola tarde, haberá xogos tradicionais a cargo de Xotramu e unha demostración de tear a través do Programa de Promoción da Artesanía do CentrAD.
Programa
A festa, que se celebrou por primeira vez en 1983, chega este ano á súa 34 edición co seguinte programa de actos:
13:00 horas. Misa solemne cantada polo Coro Schola Gregoriana Lucensis.
13:30 horas. Pregón a cargo de Francisco Buyo Sánchez, exfutbolista galego.
14:30 horas. Descubrimento da placa do XXXIV Aniversario da Festa ó Emigrante.
14:45 horas. Sesión vermú a cargo do Trío Kalima 3.0.
15:00 horas. Xantar na Carballeira de Mosteiro.
16:30 horas. Demostración de tear. Programa Promoción da Artesanía do CentrAD.
16:30 horas. Xogos tradicionais a cargo de Xotramu.
18:00 horas. Actuación do Trío Kalima 3.0.
22:30 horas. Verbena a cargo das orquestras Olympus e Charleston Big-Band.