Abadín acolle esta fin de semana unha das accións formativas sobre o cultivo do grelo

TerraChaXa
As clases do venres -en horario de tarde- serán teóricas; mentres que as do sábado -en horario de mañá- consistirán nunha demostración práctica de campo
xornadas-grelo-abadin
26 Nov 2025

A Consellería do Medio Rural organizou catro accións formativas sobre o cultivo de grelo en Galicia. As xornadas Grelo galego, un cultivo con futuro. Tradición, innovación e territorio serán impartidas por expertos en enxeñería agrónoma e veterinaria. Abadín terá a súa esta fin de semana.

Neste curso farase unha introdución á Indicación Xeográfica Protexida Grelos de Galicia, centrándose nos requisitos de certificación e as vantaxes da marca. Impartiranse tamén técnicas modernas de produción de grelo, así como nocións básicas de manexo integrado para poder identificar pragas e enfermidades que afectan ao grelo.

No eido do procesado, a calidade e a comercialización, a acción formativa afonda nos criterios de conservación e lavado dos grelos. Por último, impartirase unha sesión sobre a recolección mecanizada deste vexetal.

As clases do venres -en horario de tarde- serán teóricas; mentres que as do sábado -en horario de mañá- consistirán nunha demostración práctica de campo. Estará a cargo de Fernando Almeida García, doutor enxeñeiro agrónomo e Antonio Fontenla Martínez, licenciado en Veterinaria e técnico en calidade.

As xornadas serán os días 28 e 29 de novembro, na primeira xornada de 17.00 a 21.00 horas e na segunda de 10.00 a 12.00.

As persoas interesadas en inscribirse nesta acción poderán facelo enviando un correo electrónico ao enderezo direccion.agacal@xunta.gal ou no número de teléfono 881 996 280.

⚙ Configurar cookies
0.078335046768188