Abadín acollerá a sesión 'CuentAna', unha proposta de contacontos centrada na igualdade

O Salón de Actos Municipal de Abadín será escenario o xoves 5 de marzo ás 11:00 horas da sesión CuentAna, unha actividade de narración oral que xira arredor da igualdade e a educación en valores.
A iniciativa está dirixida ao alumnado do Colexio Aquilino Iglesias Alvariño, que participará nunha proposta dinámica e interactiva pensada para fomentar o respecto, a igualdade e a boa convivencia a través das historias. A sesión busca implicar activamente aos nenos e nenas, convertendo o contacontos nunha ferramenta educativa que vai máis alá do entretemento.
Con esta actividade, Abadín reafirma a súa aposta por promover a formación en valores desde as idades máis temperás, empregando a cultura e a narración como instrumentos para sensibilizar e construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.