Abadín acollerá unha charla sobre comunidades enerxéticas

TerraChaXa
A actividade está aberta e é de carácter gratuíto, dirixida a toda a poboación, asociacións e pequenas e medianas empresas do municipio
lampada-luz-iluminacion
24 Sep 2025

O Concello de Abadín, en colaboración co GDR Terra Chá e no marco do proxecto Impulso CERES, organiza unha charla informativa para achegar á veciñanza o concepto das comunidades enerxéticas e as súas vantaxes. A sesión terá lugar o xoves 25 de setembro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa do Concello.

Durante o encontro daranse a coñecer as oportunidades que ofrecen estas comunidades para a explotación dos recursos locais, os beneficios económicos e ambientais que xeran, así como os pasos necesarios para a súa posta en marcha.

O programa Impulso CERES está promovido pola Oficina de Transformación Comunitaria CERES e financiado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) a través de fondos europeos, co obxectivo de impulsar alternativas sostibles e colaborativas no uso da enerxía.

A actividade está aberta e é de carácter gratuíto, dirixida a toda a poboación, asociacións e pequenas e medianas empresas do municipio, que están convidadas a participar nesta oportunidade para coñecer unha fórmula que pode xerar aforro económico e contribuír ao desenvolvemento sostible de Abadín.

⚙ Configurar cookies
0.10101699829102