Abadín acollerá unha planta de biometano no lugar de Quende

TerraChaXa
Empregará residuos procedentes de explotacións gandeiras como puríns, esterco e outros restos orgánicos
biometano-etanol
5 Oct 2025

O municipio chairego de Abadín foi o lugar escollido pola compañía Moeve —antiga Cepsa— para instalar unha das cinco plantas de biometano que a empresa desenvolverá en colaboración coa firma asturiana InProEner, especializada na valorización enerxética de residuos.

Segundo adiantou o alcalde, José María López Rancaño, a infraestrutura situarase na parroquia de Quende e suporá un investimento superior aos 15 millóns de euros. O proxecto, cualificado de “inminente” polo rexedor, prevé a creación duns 15 empregos directos e terá un papel destacado na economía local pola súa relación co sector agropecuario da contorna.

A planta empregará residuos procedentes de explotacións gandeiras —puríns, esterco e outros restos orgánicos— para transformalos en biometano, un biocombustible de segunda xeración que se obtén a partir do biogás. O proceso inclúe a dixestión anaerobia da materia orgánica e unha posterior tecnoloxía de depuración coñecida como upgrading.

As promotoras xa chegaron a acordos cos propietarios dos terreos, cunha superficie duns 50.000 metros cadrados, dos que arredor de 40.000 se destinarán ás instalacións. O complexo contará con áreas de recepción e tratamento de residuos, zona de almacenamento de dixestato —que poderá empregarse como fertilizante—, estación de depuración de augas, oficinas, centro de control e infraestruturas auxiliares.

O proxecto está actualmente en fase de tramitación administrativa. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta autorizou no mes de agosto as prospeccións arqueolóxicas necesarias para avaliar o impacto sobre o patrimonio da zona.

Moeve e InProEner teñen previsto que esta planta, xunto coas outras catro proxectadas en España, estea operativa entre 2028 e 2029. Cada instalación producirá arredor de 50 GWh anuais, o que equivale ao consumo enerxético de máis de 35.000 fogares, ademais de evitar a emisión de 45.500 toneladas de dióxido de carbono cada ano.

A compañía Moeve proxecta construír ata unha trintena de plantas de biometano en todo o Estado, cun investimento global de 600 millóns de euros, co obxectivo de xerar 4 TWh de enerxía limpa de cara ao 2030.

⚙ Configurar cookies
0.079628944396973