Abadín avanza cara á súa futura residencia de maiores con 44 prazas financiada pola Xunta

A futura residencia de maiores municipal de Abadín encóntrase xa na recta final da súa construción, cunhas obras que avanzan a bo ritmo e que permitirán poñer a disposición do concello un total de 44 prazas de atención residencial. A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou o proxecto acompañada polo alcalde, José María López, para comprobar sobre o terreo o estado dos traballos, aos que a Xunta de Galicia achega 1,2 millóns de euros.
A actuación céntrase na rehabilitación e ampliación do edificio do antigo colexio infantil do municipio, que permanecía en desuso, co obxectivo de transformalo nun centro residencial para persoas maiores. O inmoble contará con arredor de vinte habitacións distribuídas en dúas plantas de uso, ademais dunha construción anexa conectada ao edificio principal. O investimento total da actuación ascende a 2,3 millóns de euros, dos cales a Xunta financia a contía máxima permitida.
Este proxecto enmárcase no Plan de investimentos impulsado polo Goberno galego para apoiar unha vintena de iniciativas municipais de construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais. O plan conta cun orzamento global de 18 millóns de euros procedentes dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia e foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias. A súa finalidade principal é reforzar a atención ás persoas maiores, especialmente no ámbito rural, mediante a creación de novos recursos de proximidade.
Durante a visita, a conselleira puxo en valor o carácter histórico deste plan, tanto pola modernización das infraestruturas como pola creación de 560 novas prazas públicas de atención residencial e outras 115 de atención diúrna. Ademais, lembrou o compromiso da Xunta de seguir fortalecendo a rede autonómica de atención residencial coa posta en marcha de máis de 3.500 novas prazas ao longo da actual lexislatura.