Abadín celebra o éxito da XX Feira Expogrelo con centos de visitantes

A XX edición da Feira Expogrelo de Abadín foi todo un éxito ao reunir centos de persoas que se achegaron á localidade para degustar e reivindicar un dos produtos máis representativos da súa tradición culinaria.
A cita, asentada no calendario gastronómico da provincia de Lugo, cumpre vinte anos convertida nun escaparate anual de referencia para a promoción da gastronomía e do produto de proximidade na comarca.
A xornada contou coa presenza da presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López; da deputada no Parlamento de Galicia e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; da deputada no Congreso, Patricia Otero; do senador por Lugo, César Mogo; e da subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López. Tamén participou o voceiro socialista en Abadín, Pablo Díaz, ademais de alcaldes, alcaldesas e outros cargos orgánicos da provincia.
Durante o encontro, no que o grelo foi o gran protagonista como símbolo da cociña galega, as e os representantes socialistas puxeron o foco na relevancia destas iniciativas para impulsar a actividade económica nos concellos, respaldar ás produtoras e produtores locais e fortalecer a identidade do rural lucense. Ademais, subliñaron que eventos como Expogrelo permiten preservar as tradicións ao tempo que xeran oportunidades arredor dos recursos propios do territorio.
Tamén se achegaron as conselleiras do Medio Rural, María José Gómez; e de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; acompañadas polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o delegado
territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
Gómez destacou que esta produción, dada a súa relevancia na nosa comunidade, goza dunha Indicación Xeográfica Propia, que conta cunha superficie sementada de case 70 hectáreas e 194 produtores inscritos. Segundo os últimos datos dispoñibles,
correspondentes ao ano 2025, esta IXP acadou unha produción certificada de algo máis de 215.000 quilogramos, cun valor económico estimado superior aos 430.000 euros, o que supón un incremento considerable en consideración co ano anterior.
Seguindo esta liña, a conselleira do Medio Rural salientou que esta IXP é un dos 36 selos de calidade cos que contamos na nosa comunidade, e que converten a Galicia na terceira comunidade autónoma con distintivos deste tipo. Por outra banda, resaltou a importancia que teñen este tipo de festividades para o rural galego, xa que dinamizan social e economicamente estas contornas e favorecen as canles curtas de comercialización, ao poñer en contacto a produtores e consumidores.