Abadín entrega os primeiros 60 kilos de grelos da venda on line
A plataforma Expogrelo.com, posta en marcha polo Concello de Abadín, xa enviou onte os seus primeiros pedidos de grelos con garantía de orixe e procedente da venda on line.
Deste xeito, faise historia neste Concello ao centralizar a venda deste produto desde o Concello, que se encarga da distribución tras o financiamento da posta en marcha desta páxina.
Así, os primeiros 60 quilogramos de grelos macharon onte aos seus lugares de destino, distintos lugares da península, nunhas caixas deseñadas específicamente para o seu transporte.
Aínda que chegará a distintas partes, este produto de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) tivo a maior demanda en lugares de proximidade como Outeiro de Rei, Burela, Cervo, Lugo ou mesmo Cedeira, aínda que tamén ten demanda dende Bilbao ou mesmo Málaga.
A posta en marcha desta iniciativa estivo condicionada pola suspensión da Feira do Grelo, que todos os anos centraliza en Abadín a venda deste produto de grande fama. A situación sanitaria foi o condicionante para que se eliminase a feira e buscaron esta opción para darlle saída á produción de tempada.
Un total de 14 produtores do municipio déronse de alta inicialmente na plataforma, na que se espera que se vaian incorporando máis, posto que aínda que a iniciativa xurdiu a raíz da pandemia, o Concello quere mantela no tempo e ir incorporando novas ofertas e servizos.
As madas de grelos véndense polo momento a 2 euros e os ingresos van directamente aos produtores malia que a web centraliza a produción. Ademais, a aplicación permite elixir ao greleiro ao que lle quere comprar os grelos e na propia web xa se indica se este dispón ou non de existencias.
A loxística está centralizada polo momento no campo da feira de Gontán, dende onde o Concello reúne os envíos para facilitar esta tarefa, para o que contratou unha empresa de transportes para o reparto.