Abadín incorpora unha desbrozadora hidráulica de brazo ao parque móbil municipal

TerraChaXa
Permitirá actuar con maior eficacia nas tarefas de limpeza de beiravías, cunetas, taludes e zonas de difícil acceso
nova-maquinaria-abadin
17 Oct 2025

O Concello de Abadín vén de reforzar os seus medios técnicos coa incorporación dunha nova desbrozadora hidráulica de brazo, destinada aos traballos de mantemento e limpeza das vías municipais. A maquinaria, da marca McCONNEL e subministrada pola empresa Macvial, con sede en Lleida, supuxo un investimento total de 38.000 euros, financiado mediante unha subvención da Xunta de Galicia.

A desbrozadora, de gran potencia e precisión, permitirá actuar con maior eficacia nas tarefas de limpeza de beiravías, cunetas, taludes e zonas de difícil acceso, contribuíndo a mellorar a seguridade viaria e a conservación do medio rural. Ademais, a súa versatilidade posibilita un uso continuado durante todo o ano, adaptándose a diferentes necesidades de mantemento segundo a época.

A alcaldía destacou que esta adquisición responde ao obxectivo de modernizar progresivamente o parque de maquinaria municipal, reducindo os custos de contratación externa e optimizando os recursos propios. “Con esta nova desbrozadora damos un paso máis na mellora dos servizos básicos que o Concello presta á veciñanza, garantindo un mantemento máis rápido, seguro e eficiente das infraestruturas públicas”, sinalou o goberno local.

Deste modo, o Concello de Abadín continúa apostando pola renovación dos seus equipos e pola mellora das condicións de traballo do persoal municipal, reforzando o compromiso coa conservación e posta en valor do territorio e das súas infraestruturas.

⚙ Configurar cookies
0.076112031936646