Abadín inicia as obras da nova beirarrúa no casco urbano

As obras para executar unha beirarrúa nunha nova rúa do casco urbano de Abadín están en marcha. Este proxecto, realizado no marco do obradoiro de emprego Terra Chá no Camiño V e co apoio da Xunta de Galicia, busca mellorar a seguridade e accesibilidade no concello.
A nova rúa, que dará acceso á futura residencia de maiores, contará cun tramo de 200 metros lineais de beirarrúa de máis de dous metros de ancho, executado polos alumnos do módulo de pavimentos e albanelaría de urbanización do obradoiro. As tarefas inclúen a colocación de bordos, pavimento e preinstalación de canalizacións para dotar a rúa de iluminación pública.
Ademais, o Concello adquiriu unha finca de dúas hectáreas na que se habilitará unha ampla zona de aparcadoiro para dar servizo á residencia e á casa consistorial, así como un parque infantil cuberto de 150 metros cadrados.
A maiores, o goberno local proxecta un acondicionamento ambiental na área, cunha actuación sobre a masa de árbores autóctonas e a plantación de novas especies para incrementar a biodiversidade, garantindo tamén a seguridade da zona co tratamento dun talude próximo ao aparcadoiro.