Abadín inviste 269.000 euros en mellora de camiños e accesos nas parroquias
O Concello de Abadín ten en licitación dous paquetes de obras referentes a melloras de accesos en distintas parroquias, que teñen un orzamento total de preto de 269.000 euros.
Así, con cargo ao Agader, ten en contratación as obras de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas no lugar de Pena do Caldeiro.
A actuación levarase a cabo nun camiño municipal que discorre polas parroquias de Fanoi (Santa María Madalena) e Labrada (San Pedro). Trátase dun camiño que serve de acceso ás parcelas, edificacións e instalacións agrícolas presentes neste lugar.
O pavimento atópase deteriorado debido ás condicións normais do tráfico, ao paso de maquinaria agrícola, ás condicións atmosféricas e ao paso dos anos, o que complica a circulación nalgunhas zonas.
Esta actuación ten un orzamento de 107.755 euros.
Por outra banda, con cargo ao Plan Deputación deste ano ten en licitación a contratación das obras de mellora de accesos nas parroquias de Labrada, Romariz, Fanoi, Baroncelle, Corvite e A Graña.
As actuacións previstas para a rexeneración do pavimento deste camiño consistirán no estendido dunha capa de mestura asfáltica en quente de 5 cm de espesor. Inclúese medición para a realización dunha regularización previa coa mesma mestura segundo medicións e orzamento, así como a sinalización horizontal.
Tamén se proxecta a limpeza de foxos para facilitar a circulación das augas de escorrentía e evitar que produzan danos no pavimento do camiño. Este segundo paquetes de obras licítase por 160.446 euros.