Abadín licita a obra para completar o abastecemento de auga á parroquia de Candia
O Concello de Abadín vén de sacar a licitación o contrato das obras de abastecemento de auga potable á parroquia de Candia na súa segunda fase, con cargo ao Plan Deputación de 2024.
O obxecto do presente programa é a execución da segunda fase da rede de abastecemento de auga potable na parroquia de Candia, que comprende a finalización da rede abastecemento, toda vez que a execución da captación, o depósito de cabeceira e unha parte da propia rede xa foron executados na fase 1.
As unidades de obra proxectadas para o desenvolvemento deste proxecto inclúen as escavacións en gabia necesarias para o tendido da tubaxe, a 1 m de profundidade, incluíndo o seu posterior recheo con material seleccionado da propia escavación, con aporte de préstamo nalgunhas zonas. A execución das gabias terá lugar extremando as medidas de seguridade, entibando cando sexa necesario.
Para a construción da rede de abastecemento utilizarase tubaxe de PEAD (PE100) de diámetros 63 e 50 mm e 16 atm. de presión nominal, asentada sobre cama de area ou terra cribada. Construiranse arquetas de formigón en masa HM-20, para aloxar as distintas válvulas.
Esta obra ten un orzamento de 133.329 euros.