Abadín presenta o programa de actos para o 8M

O Concello de Abadín organizará diversas actividades para celebrar o Día Internacional da Muller Traballadora, cun programa que busca concienciar sobre a igualdade de xénero a través da educación e a cultura.
Dentro da programación, o CEIP Aquilino Iglesia Alvariño acollerá obradoiros nos que o alumnado realizará manualidades relacionadas coa igualdade, que serán o día 7, venres. Ademais, o luns 10, no salón de actos do Concello desenvolverase unha actividade centrada en contos clásicos, onde se propón reimaxinar os finais para promover unha visión máis igualitaria.
Tamén haberá un cinefórum o mércores 12 no que se proxectará unha película vinculada á temática da igualdade de xénero, seguido dun coloquio para fomentar o debate e a reflexión.
As actividades desenvolveranse en varias datas, con diferentes sesións ao longo da mañá. Desde o Concello destacan a importancia de iniciativas como esta para seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria, convidando a toda a veciñanza a participar.