Abadín realiza con éxito a xornada de carga de gando nas instalacións do mercado de Gontán

As instalacións do mercado de Gontán acolleron a fin de semana unha intensa xornada de carga de gando que se desenvolveu con total normalidade e cun balance moi positivo en termos de organización e coordinación. Coincidindo coa habitual saída de becerros con destino a Viana, que nesta ocasión sumou arredor de 70 animais, fíxose tamén a carga de poldros con destino a Navarra.
Nesta primeira xornada cargouse unha cifra semellante de poldros, preto de 70 exemplares, nunha operativa fluída e sen incidencias, o que confirma o bo funcionamento do novo servizo posto en marcha polo Concello de Abadín para facilitar o traballo dos gandeiros da zona.
Tal e como avanzara o Concello, esta iniciativa desenvolveuse na nave de madeira do mercado de Gontán e tiña como obxectivo permitir a carga de poldros de maneira organizada e segura, mellorando as condicións de manexo e transporte dos animais. O servizo conta coa colaboración da Asociación ACGEMA, encargada da coordinación cos gandeiros interesados.
Desde o Concello salientan que os animais contan cunha tarifa regulada en función da súa morfoloxía e idade, unha medida pensada para ofrecer apoio directo ao sector gandeiro local e contribuír a profesionalizar e ordenar este tipo de operacións nas feiras e mercados. A valoración inicial da xornada é moi positiva, tanto polo volume de animais como polo correcto desenvolvemento de todo o proceso.