Abadín será a capital do grelo o sábado 22

TerraChaXa
O día 22 de febreiro o concello de Abadín celebrará a XV edición de Expogrelo, a coñecida feira de exaltación do grelo, que terá lugar no Recinto Ferial de Gontán, como é costume.
7 Feb 2020

O día 22 de febreiro o concello de Abadín celebrará a XV edición de Expogrelo, a coñecida feira de exaltación do grelo, que terá lugar no Recinto Ferial de Gontán, como é costume. As edicións celebradas ata agora serviron para comprobar que a tradicional fama deste cultivo atopa boa saída nos compradores. A feira mostrará a calidade e sabor do grelo que se produce nesta zona da Terra Chá e que conta con merecida fama.

O programa os actos seguirá a mesma liña que en edicións anteriores, ás 09.00 horas coa designación dos stands e a numeración das cestas. Ás 10.00 horas levarase a cabo a apertura da feira, ás 12.00 horas dará inicio a animación musical e ás 12.30 horas os presentes poderán degustar este delicioso alimento da cociña galega na carpa que o concello poráno recinto ferial e que este ano ofrecerá cocido.

Ás 13:00 horas terá lugar a recepción de autoridades. Os actos finalizarán ás 14.00 horas co fallo do xurado e a entrega de premios.

O Concello de Abadín decidiu apostar no ano 2006 por celebrar unha feira anual dedicada a este produto e ademais apoiar aos productores que hai no municipio. A IXP Indicación Xeográfica Protexida de Grelos de Galicia naceu en outubro de 2009 para axudar a produción como a comercialización e a distribución deste alimento tan característico de Galicia. É por iso que o día antes da celebración de Expogrelo os 20 productores censados no concello de Abadín e baixo a IXP recollen, seleccionan, pesan, empaquetan e etiquetan manualmente cada unha das madas que ao día seguinte poñen á venda na feira, asegurando deste xeito a máxima frescura e calidade.

Este ano existía un certo temor de non ter cubertas as espectativas da feira debido a escaseza de produto debido a un inverno complicado na meteoroloxía. Finalmente, o alcalde, José María López Rancaño, confirmou que haberá grelos bastantes para a feira.

 

0.11576199531555