Abanca abre unha liña de crédito para os empresarios do polígono Sete Pontes
Abanca comprometeuse a achegar ás necesidades de crédito do tecido empresarial do polígono Sete-Pontes de Vilalba dez millóns de euros en financiamento. Esta liña de crédito, que se pode duplicar se as empresas da área industrial o precisan, é unha mostra máis do apoio da entidade financeira coa viabilidade e o crecemento dun dos focos de emprego e riqueza da provincia.
O convenio foi subscrito polo presidente da Asociación de Empresarios Sete-Pontes, Álvaro Fraga Castro; e o director territorial de Abanca en Lugo, Javier Soto Garrido.
A liña de dez millóns de euros que o banco pon a disposición das empresas de Sete-Pontes forman parte dun plan de financiamento que responde de maneira integral ás súas necesidades. O documento inclúe produtos e servizos que permiten tanto acometer investimentos, como reforzar a competitividade destes proxectos. Así, os empresarios desta comarca contarán con produtos especificamente deseñados, entre os que destacan préstamos persoais e hipotecarios ou leasing mobiliario, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e xuros moi competitivos.
A oferta financeira de Abanca inclúe tamén solucións para as necesidades máis inmediatas e así poder adecuarse ás demandas da actividade diaria. O colectivo terá á súa disposición outros produtos e servizos como pólizas de crédito, liñas de desconto comercial, avais ou corfirming segundo as súas necesidades. O convenio tamén reserva un espazo ao financiamento oficial a través de diversos programas do ICO e as SGR galegas.
Deixando a un lado a liña de crédito, os empresarios da comarca poderán beneficiarse das vantaxes do Programa Cero Comisións de Abanca, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingreso de cheques ou outros servizos habituais. ABANCA, ademais, poñerá a disposición destes profesionais a banca electrónica, o Bróker Online ou Abanca Pay. Tamén o servizo ‘Appúntame’, para xestionar de xeito sinxelo calquera tipo de cotas, domiciliacións ou suscripcións tanto para eles como para seus clientes.
Esta non será a única facilidade que poderán ofrecer aos seus clientes grazas a este convenio con Abanca, xa que poderán facer uso de TPVs virtuais e físicos e dispor do Sistema Aplazos co que aumentar as súas vendas ao ofrecer a posibilidade de financiar compras de xeito sinxelo, rápido e económico.