ABANCA e a Asociación de Empresarios de Muimenta renovan o seu convenio de colaboración

TerraChaXa
O acordo reforza o apoio financeiro e asesoramento ao comercio e ás PEMES locais, con condicións vantaxosas e accións para impulsar a dixitalización
COSPEITO acordo abanca moexmu
11 Nov 2025

A Asociación de Empresarios de Muimenta, Moexmu, e ABANCA veñen de renovar o seu convenio de colaboración co obxectivo de fortalecer o tecido empresarial da parroquia e do seu entorno. A través deste acordo, a entidade financeira porá á disposición das empresas asociadas un catálogo de produtos e servizos en condicións preferentes, orientados a cubrir necesidades de liquidez, investimento e modernización dos negocios.

Segundo sinala a xerencia de Moexmu, encabezada por José Manuel Rus Rodríguez, o convenio permitirá acceder a liñas de financiamento adaptadas a autónomos e PEMES, solucións de cobramento e pagamento (TPV físico e virtual), ademais de ferramentas dixitais para mellorar a xestión diaria das empresas. O acordo inclúe tamén asesoramento especializado, formación en materias como educación financeira, ciberseguridade e comercio en liña, así como seguros e servizos complementarios axustados ao perfil de cada establecemento.

Con esta renovación, ambas entidades subliñan o seu compromiso coa actividade económica local, o mantemento do emprego e a dinamización do comercio de proximidade, favorecendo a competitividade das empresas de Muimenta e contribuíndo a consolidar un ecosistema empresarial máis innovador e sustentable.

⚙ Configurar cookies
0.079827070236206