Aberta a solicitude das axudas de 485.000 euros que o Goberno da Deputación ofrece a clubs deportivos da provincia
O prazo de solicitude das axudas de concorrencia competitiva, por un valor total de 485.000 euros, que o Goberno Provincial pon a disposición de todos os clubs e entidades deportivas federados da provincia para colaborar coa súa actividade abría este lus 14 de agosto. Faino logo de que se publicasen no BOE e no BOP. Os interesados poden presentar as súas peticións ata o 4 de setembro incluído no Rexistro Xeral da Deputación ou en calquera das dependencias que establece a lei.
Son axudas dun máximo de 4.000 euros e dun mínimo de 300 euros para colaborar coa actividade competitivas dos clubs. Son dun máximo de 2.000 euros e dun mínimo tamén de 300 euros para colaborar na organización de eventos.
O requisito é ser da provincia de Lugo e estar federado. Poden participar clubs e entidades de todas as disciplinas deportivas. De feito, a distribución dos fondos totais de case medio millóns de euros fíxose por modalidade e en base ao seu numero de licencias oficiais que figuran oficialmente.
Cómpre subliñar que os clubs ou entidades deportivas que desenvolvan a súa actividade competitiva en máis dunha disciplina deportiva poderán optar a un máximo de 3 axudas: 2 por actividade competitiva e 1 por organización de eventos deportivos.
Criterios sociais
Dentro da súa aposta por unha Deputación social, o Goberno Provincial incorporou nas bases desta convocatoria de axudas criterios para favorecer a igualdade e a integración, así como recoñecer o esforzo competitivo. Deste xeito, valorarase positivamente as solicitudes de equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes. Tamén aqueles que sexan de localidades pequenas, de Concellos de menos de 2.000 habitantes, especialmente do rural. Así mesmo, puntuarán os resultados, ascensos ou galardóns en competicións.
Os concorrentes deben saber que, en caso de erros na entrega de documentación, os requirimentos para emendar as posibles deficiencias realizaranse, exclusivamente, a través da páxina web da Deputación (www.deputacionlugo.gal).