Aberta en Guitiriz unha exposición do Iescha sobre a tradición oral galega

O Instituto de Estudos Chairegos e o Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Concello de Guitiriz, abriron na Escola Habaneira de Guitiriz a exposición Lévame a idea, unha mostra composta por once paneis que propón unha aproximación á música de tradición oral galega a través do labor das súas creadoras e divulgadoras.
A exposición pon o foco no papel esencial das mulleres na creación, conservación e transmisión deste patrimonio cultural inmaterial, salientando a súa contribución histórica e contemporánea á identidade musical de Galicia.
Lévame a idea, de Laura Varela, Iria Villares, Vanesa Siso e Navíos e Folerpas SL, naceu (durante as II Xornadas sobre Patrimonio Inmaterial organizadas polo Iescha, coa colaboración do Consello da Cultura Galega e o Concello de Vilalba, no mes de novembro de 2025) coa vontade de dar a coñecer este legado ao público e de ofrecer un merecido recoñecemento a quen, ao longo do tempo, fixo posible que a música tradicional chegase viva ata os nosos días.
A través dun percorrido didáctico e accesible, a mostra convida á reflexión sobre a importancia da memoria, da tradición oral e da transmisión interxeracional da cultura.
A exposición poderá visitarse ata o 15 de marzo de 2026.