Abertas as inscricións para participar nun Máster de Fútbolín de Rábade que trae novidades

LugoXa | TerraChaXa
Este ano, por primeira vez haberá unha nova modalidade, a mixta, que se xogará o primeiro día do torneo
campions-master-de-futbolin-de-rabade
7 Mar 2026

O Máster Nacional de Futbolín de Rábade, que este ano chega á vixésimo sétima edición, celebrarase nas datas previstas para o mes de abril, concretamente os días 2, 3 e 4 coincidindo, como é tradición, coa festividade da Semana Santa.

Nesta edición están previstos premios por valor de 15.000 euros e o reparto de máis de 135 trofeos e medallas. Prevese superar de novo as máis de 350 parellas participantes, que son as cifras que se manexaron nos últimos anos.

Como en anteriores edicións, haberá cinco modalidades de xogo e tres niveis, e volverá xogarse no pavillón Eduardo Fernández. Esta medida tomouse o ano pasado debido ao elevado número de asistentes, que crece ano a ano.

Este ano, como novidade haberá unha nova modalidade, a mixta, que se xogará o primeiro día do torneo. Todos os demais detalles daranse a coñecer o martes día 31 de marzo, na presentación do evento, o mesmo día no que acaba o prazo de inscrición e se fai o sorteo de equipos.

O Gran Máster Nacional de Futbolín repartirá para os de movemento e en parado oito premios en cada categoría desde os 1.500 aos 30 euros ademais do trofeo. No apartado feminino, as gañadoras recibirán 800 euros e haberá premio para oito parellas. Ademais, na combinada tamén haberá catro recoñecementos, con contías que van dos 400 aos 50 euros.

Tamén contarán de novo co trofeo Alejandro Finisterre, para o xogador máis regular; o trofeo Concello de Rábade para o mellor xogador e o trofeo David García, para o mellor porteiro. Engádense tamén o trofeo Xunta de Galicia ao mellor xogador da comunidade autónoma, o trofeo Bola Meiga á amistade, o trofeo Galical ao mellor xogador da provincia de Lugo, o trofeo Merchi á mellor xogadora e o Trofeo PRF á peña máis participativa.

A inscrición está aberta ata o 30 de marzo e ten un prezo de 30 euros por xogador. A organización xa confirmou a participación de parellas para a competición coas mixtas formadas por Ángela e Marto ou Verónica e Villa.

Ademais, o sábado anterior á cita, o 28 de marzo, terá lugar o tradicional torneo de parellas cegas, que organiza tamén a peña de Rábade Futbolín, tamén no pavillón Eduardo Villamarín.

0.12856984138489