Aberto o prazo de inscrición para as vacantes das Escolas Deportivas Municipais de Guitiriz

O Concello de Guitiriz anunciou a apertura do prazo de inscrición para cubrir as prazas vacantes nas Escolas Deportivas Municipais correspondentes ao curso 2025/2026. As persoas interesadas poderán inscribirse dende hoxe luns, a partir das 8:30 horas, ata o venres 17 de outubro ás 23:59 horas. O proceso pode realizarse tanto de forma presencial nas dependencias municipais como a través da sede electrónica.
As escolas deportivas contan con prazas dispoñibles en diferentes modalidades, entre elas pilates, ximnasia para adultos, zumba infantil, patinaxe, ximnasia rítmica, tenis de mesa, atletismo e fútbol sala. Tamén se ofertan grupos para pádel, con distintos niveis e horarios.
As actividades deportivas desenvolveranse a partir do mes de novembro e os horarios poden consultarse no folleto informativo elaborado polo Concello. Desde o departamento de Deportes animan a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa, que promove hábitos saudables e o exercicio físico para todas as idades.
As Escolas Deportivas Municipais de Guitiriz contan coa colaboración da Deputación de Lugo e do programa Xogade da Xunta de Galicia, que apoian a práctica deportiva e a formación en valores entre a poboación máis nova.