Aberto o prazo de inscrición para unha nova edición do Club de Saúde das Pontes da AECC

O Concello das Pontes vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para unha nova edición do Club de Saúde das Pontes, unha iniciativa impulsada pola Asociación Española Contra o Cancro dirixida a persoas con cancro e ás súas familias.
Trátase dun espazo gratuíto de apoio e acompañamento que ten como obxectivo promover o benestar físico, emocional e social das persoas participantes, cunha atención especial ao ámbito rural e á creación de redes de apoio na contorna máis próxima. O programa dará comezo o martes 7 de abril e desenvolverase no Centro de Saúde das Pontes, con sesións semanais en horario de 17:00 a 18:30 horas, prolongándose ata o mes de novembro.
Ao longo dos encontros, coordinados por profesionais especializados e co apoio do voluntariado da asociación, abordaranse cuestións como a actividade física adaptada, a alimentación saudable, o autocoidado emocional, a xestión dos medos, a información sociolaboral e distintas actividades sociais e de lecer, co fin de mellorar a calidade de vida das persoas participantes.
A participación no Club de Saúde é totalmente gratuíta, aínda que as prazas son limitadas para garantir unha atención de calidade. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición no Centro de Saúde das Pontes, a través do voluntariado da Asociación Española Contra o Cancro ou chamando ao teléfono gratuíto 900 100 036.
Desde o Concello das Pontes anímase á veciñanza a participar nesta iniciativa, que reforza o apoio e o acompañamento ás persoas que conviven coa enfermidade e ás súas familias no municipio.