Aberto o prazo de solicitude dos campamentos de verán 2021
Aberto o prazo de solicitude dos campamentos de verán 2021 cun programa de actividades cun claro compoñente de educación non formal destinadas á xuventude no ámbito do lecer e o tempo libre.
Pódese solicitar a súa participación nas actividades ofertadas nesta convocatoria as persoas mozas residentes en Galicia.
Os requisitos para participar son a idade que deberá ser de entre 9 e 18 anos, non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio nin sintomatoloxía compatible co COVID-19, e saber nadar para os campamentos que inclúan na súa programación actividades de auga.
Haberá prazas de inclusión para as persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 %. En función do tipo de discapacidade, poderá exceptuarse, de ser o caso, o requisito de saber nadar. Neste suposto, a persoa menor con discapacidade non poderá participar nas actividades de auga.
As persoas menores en situación de tutela ou garda pola administración e que se atopen en acollemento residencial poderán participar nesta convocatoria e deberán indicar esta condición no anexo de solicitude, marcando o recadro correspondente.
As solicitudes poderán presentarse de forma individual ou múltiple. A múltiple admitirase para o suposto de dous, tres e ata catro irmáns. As persoas menores que convivan no domicilio en situación de acollemento familiar tamén se poderán incluír na solicitude múltiple, equiparándose a súa situación a dos irmáns.
Oferta de prazas tanto para inclusión como prazas xerais: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran/anexos-accion-de-veran
Tamén haberá descontos para familias numerosas e familias monoparentais dun desconto do 50 %, e para as persoas usuarias do carné xove, que gozarán dun desconto do 25 %.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 28 de maio de 2021.