Aberto o prazo en Begonte para anotarse nas actividades socioculturais
O Concello de Begonte abriu o prazo para inscribirse nas actividades socioculturais e deportivas 2022/2023 destinadas a públicos de todas as idades. O primeiro tramo de matrícula permanecerá aberto ata o luns 26 de setembro.
As actividades desenvolveranse entre o 1 de outubro deste ano e o 31 de maio do 2023 e haberá clases de pádel, cestería, pilates, robótica, ioga, bailes de salón, voleibol, arte floral, ximnasia de mantemento, estimulación cognitiva, tenis, informática, fútbol sala, pintura, teatro, bádmingon, taekwondo, zumba, baloncesto, natación e patinaxe entre outras.
Segundo explica a organización, antes do 30 de setembro farase pública a lista de admitidos. Ademais, abrirase un segundo prazo de inscrición en xaneiro, entre o 9 e o 20 con publicación de listaxes antes do 27 dese mesmo mes. A listaxe cos admitidos pode consultarse na web municipal ou nas dependencias do Concello.
Para formalizar a matrícula será necesario entregar no rexistro das dependencias do Concello ou enviar pola sede electrónica a solicitude correctamente cuberta e asinada e anexar a certificación da conta bancaria co código IBAN do alumno/a inscrito/a ou do pai, nai ou titor/a no caso de que aquel/a sexa menor de idade.