Aberto o prazo en Begonte para anotarse nas actividades socioculturais
O Concello de Begonte abriu o prazo para inscribirse nas actividades socioculturais e deportivas 2021/2022 destinadas a públicos de todas as idades. Prazo que permanecerá aberto ata o xoves 30 de setembro.
As actividades desenvolveranse entre outubro deste ano e maio do 2022 e haberá clases de pádel, cestería, pilates, robótica, ioga, bailes de salón, voleibol, arte floral, ximnasia de mantemento, estimulación cognitiva, tenis, informática, fútbol sala, pintura, teatro, bádmingon, taekwondo, zumba, natación e patinaxe entre outras.
Segundo explica a organización, antes do 4 de outubro farase pública a lista de admitidos. Ademais, abrirase un segundo prazo de inscrición en xaneiro, entre o 10 e o 21 con publicación de listaxes antes do 26 dese mesmo mes. A listaxe cos admitidos pode consultarse na web municipal ou nas depencias do Concello.
Para formalizar a matrícula será necesario entregar no rexistro das dependencias do Concello ou enviar pola sede electrónica (https://bit.ly/3hYHCXd) a solicitude correctamente cuberta e asinada e anexar a certificación da conta bancaria co código IBAN do alumno/a inscrito/a ou do pai, nai ou titor/a no caso de que aquel/a sexa menor de idade.