Aberto o prazo para a solicitude de praza na escola infantil de Xove

TerraChaXa | AMariñaXa
Xa está aberto dende o día 25 de marzo o prazo para efectuar as solicitudes de praza de novo ingreso na Escola Infantil de Xove para o curso 2019/2020, que permanecerá activo ata o día 26 de abril.
3 Abr 2019

Xa está aberto dende o día 25 de marzo o prazo para efectuar as solicitudes de praza de novo ingreso na Escola Infantil de Xove para o curso 2019/2020, que permanecerá activo ata o día 26 de abril. Xunto ao modelo de solicitude facilitado no Departamento de Servizos Sociais, deberase presentar documentación acreditativa da situación familiar, da situación laboral ou de cursar estudos oficiais e tamén documentación acreditativa da situación económica. No caso de nenos con discapacidade ou necesidades educativas especiais, serán precisos informes do Equipo de Valoración e Orientación das Xefaturas Territoriais da Consellería competente na materia ou da Unidade de Atención Temperá segundo proceda.
Se non se está censado no concello onde estea a escola, pero algún dos proxenitores ou representante legal da crianza teñan os seus postos de traballo no municipio en que se localice aquela, achegarase o certificado da empresa ou da institución correspondente, e de estar censado nun concello limítrofe a aquel onde radique a escola, certificado de empadroamento do concello do que procede.
Se algún membro da unidade familiar está afectado de discapacidade física, psíquica ou sensorial, ou enfermidade que requira de internamento periódico ou padeza enfermidades crónicas ou outras afeccións alegadas polos membros da unidade familiar tamén se deberá presentar a certificación correspondente.
Tamén se deberán presentar outros documentos que se consideren necesarios, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais susceptibles de puntuación no baremo. Informe dos Servizos Sociais do Concello ou da administración autonómica nos supostos de que sexa necesario por falta de acreditación documental suficiente ou pola situación especial en que viva a unidade familiar.

0.067603826522827