Abraham Cupeiro ofrecerá un concerto en Meira o 4 de xaneiro
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este martes na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos o concerto Unha noite de inverno, que ofrecerá o multiinstrumentista sarriao Abraham Cupeiro na Igrexa do mosteiro de Meira o vindeiro 4 de xaneiro. Na presentación desta cita, para a cal a institución provincial achega 3.500 euros, tamén asistiu, entre outras autoridades, o alcalde de Meira, Antonio de Dios Álvarez.
García Porto puxo en valor o esforzo e o traballo de Cupeiro e definiuno como un “lucense universal” que “triunfa nos estudos de Hollywood, onde lle reclaman a súa música para traballos como a segunda entrega de Gladiator”. Así mesmo, a Deputada recalcou a súa formación teórica e “a capacidade que ten para recuperar de xeito rigoroso instrumentos que críamos perdidos para sempre”.
Na súa intervención, Pilar García Porto tamén sinalou que “este evento, que impulsamos desde a institución provincial, é un claro exemplo do que chamamos turismo de experiencias. Non só se trata de visitar, senón de vivir, de emocionarnos e de crear recordos inesquecibles. A música de Abraham Cupeiro é unha desas experiencias que quedarán para sempre na memoria de quen a escoite. É unha viaxe no tempo, unha fiestra a outras culturas, pero tamén unha homenaxe ao noso propio patrimonio”.
Nesta liña, destacou que “esta actuación forma parte do noso compromiso por potenciar o turismo como unha peza clave para o desenvolvemento do territorio, porque queremos que este tipo de programación tamén estea no rural”.
Pola súa banda, Abraham Cupeiro agradeceu o apoio da Deputación para levar a cabo esta iniciativa e sinalou que “a música que estamos a facer con instrumentos esquecidos encaixa perfectamente con este impresionante templo”. Sobre o concerto, no que haberá un primeiro pase ás 18:00 horas e un segundo ás 20:00 horas, avanzou que “contaremos con artistas da talla de Davide Salvado, Matthew Ward, Alba Barreiro, Antonio Cienfuegos, Cibrán Seixo ou a acordeonista Sabela Caamaño”.
As persoas interesadas en asistir poden consultar máis información e retirar as últimas entradas dispoñibles na web www.abrahamcupeiro.com ou na Oficina de Turismo de Meira.