Abraham Pérez gaña o VIII Certame de Poesía Torre de Caldaloba con 'Chernóbil Revival'

LugoXa | TerraChaXa
A entrega de premios celebrouse este sábado ao mediodía na Biblioteca Rural San Martiño de Pino
entrega-premios-caldaloba
Actualizada el 24 noviembre 2025, 11:11 horas
23 Nov 2025

Abraham Pérez resultou gañador do VIII Certame de Poesía Torre de Caldaloba coa obra Chernóbil revival, que obtivo o primeiro premio dotado con 1.500 euros e coa edición do poemario. A obra Corpo da palabra, de Rafael Catoira, foi recoñecida cun accésit, que implica tamén a súa publicación.

A entrega de premios celebrouse este sábado ao mediodía na Biblioteca Rural San Martiño de Pino. O certame está convocado polo Concello de Cospeito e pola Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ e da Xunta de Galicia.

O xurado desta edición, integrado por Armando Requeixo, Adolfina Mesa e Xosé Otero Canto, coa presenza de Martiño Maseda con voz pero sen voto, reuniuse para deliberar e determinar o fallo. Tras o proceso de valoración, acordaron outorgar o primeiro premio á obra de Pérez e o accésit ao traballo de Catoira.

Do poemario Chernóbil revival, o xurado salientou o propósito compositivo, no que combina a prosa poética cunha estrutura versal máis clásica, e a intención de tender pontes entre espazos interiores e exteriores mediante un xogo constante de imaxes vibrantes. Destacouse tamén o seu carácter de tránsito por lenzos abstractos que desembocan nun corpus de reivindicación existencialista fronte ao cataclismo que se proxecta sobre o tempo da vida.

Sobre Corpo da palabra, os membros do xurado subliñaron que, a partir dunha estrutura máis clásica ca do poemario gañador, a obra constitúe un reclamo emocional da linguaxe e da palabra na súa esencia máis íntima, empregadas como expresión configuradora dunha realidade que nos envolve e nos afecta. O texto é definido como unha exaltación do ser a través do gume afiado da palabra, que raspa e define.

O 13 de decembro terá lugar no Museo das Aves de Cospeito a presentación das obras de Fran Fernández Dávila e Amauta Castro.

⚙ Configurar cookies
0.070026874542236