Abre a exposición cos proxectos do concurso de ideas para a praza do Barreiro

TerraChaXa
A exposición pretende abrir un debate público sobre a urbanización deste ámbito e poderá visitarse ata mediados de marzo
O Patio Verde_Paneles proposta concurso praza barreiro as pontes
17 Feb 2022

A exposición pretende abrir un debate público sobre a urbanización deste ámbito e poderá visitarse ata mediados de marzo. O premio do concurso foi para a proposta O patio.

O Concello das Pontes inaugurou onte na primeira planta do Mercado Municipal, a exposición dos proxectos presentados ao concurso de ideas, con intervención de xurado, convocado pola entidade local en colaboración coa delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, para a urbanización da Praza do Barreiro.

Durante este acto, que contou coa presenza da Presidenta da Delegación de Ferrol do COAG, Carmen Pérez Parapar, da Secretaria da Delegación de Ferrol do COAG, María Laborda, dos membros do xurado, dos participantes no concurso así como de membros da directiva da asociación veciñal 25 de Xullo, Antonio Alonso, concelleiro de Urbanismo, amosou a súa satisfacción ante esta iniciativa que “nos permite atopar solucións arquitectónicas, para un espazo da vila que leva tempo demandando unha actuación, dun xeito diferente e que nos achega propostas innovadoras”

O concelleiro tamén resaltou que a exposición dos traballos gañadores e das propostas presentadas, que estará instalada no Mercado Municipal ata mediados de marzo, e que se poderá visitar en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas “permítenos abrir un espazo de debate público. A través da mostra dos traballos queremos que os veciños e as veciñas poidan ver as propostas, poidan analizalas e debatilas para, a partir de ahí, chegar a un consenso sobre as actuacións que se deben levar a cabo, collendo ideas de todos os proxectos presentados para poder facer unha intervención urbanística que claramente mellore a calidade de vida da veciñanza do Poboado do Barreiro e que, ao mesmo tempo, sexa emblemática para o conxunto da veciñanza das Pontes.

Pola súa banda, Carmen Pérez Parapar, agradeceu ao Concello das Pontes a convocatoria dun concurso no que “os particpantes presentan as súas propostas de forma anónima e un xurado cualificado elixe a proposta, que a o seu xuízo técnico, é a mellor, baseándose únicamente na calidade arquitectónica e urbanística dos proxectos presentados, cun grado máximo de obxectividade e transparencia”

Tamén remarcou a importancia deste tipo de convocatorias para “a apertura a talentos decoñecidos por parte do promotor da iniciativa que ademais son unha oportunidade para apostar por unha arquitectura socialmente comprometida, sendo os seus resultados obxecto da atención social e do debate, sendo axeitados para a posta en marcha de actuacións de gran calado como o é a urbanización da Praza do Barreiro”.

ENTREGA DE PREMIOS

Durante o acto de inauguración da exposición tamén se fixo entrega dos premios ás propostas que resultaron gañadoras do concurso de ideas. Presentáronse un total de 16 proxectos, dos cales 12 chegaron á fase final, obtendo o primeiro premio, valorado en 8.000 euros, a proposta O Patio presentada por Natalia Fernández en colaboración con Marcos Pérez.

Unha proposta concebida, en palabras dos autores, como “un patido de manzás público cun xardín versátil para distintos usos, cun parque infantil e un pequeno sendeiro, unha zona de árbores e de sombra” e que, segundo o xurado “recolle un moi bo prantexamento desde o punto de vista de sustentabilidade ambiental e eficiencia enerxética, estímase a de maior calidade arquitectónica e visual, resolve ben a topografía da praza, integrando todo o percorrido, creando un espazo flexible que non limita os usos e dando solucións á privacidade das vivendas, propoñendo así mesmo un orzamento axeitado á proposta sendo ademais unha das máis axustadas en canto a custes de mantemento”.

O segundo premio, valorado en 3.000 euros, foi para o proxecto Quedamos en la alameda del Barreiro elaborado por Alfredo Sirvent mentres que o primeiro accésit, cun premio de 1.500 euros, foi para o proxecto A porta da Fraga de Jorge García, Fernando Eiroa, Rafael Calvo e Óscar Ríos e o segundo accésit (1.500 euros) foi para Manuel Amado, como proposta De cine.

0.12495398521423