Abre a inscrición nas actividades da piscina das Pontes
O Concello das Pontes abre este luns, 26 de setembro, o período de inscrición nas actividades, para o curso 2022-2023, da piscina municipal para nen@s e o día 27 de setembro para as persoas adultas e as actividades dirixidas. As incricións realizaranse na Piscina Municipal, de xeito presencial.
Este ano, no vaso da piscina, impartiranse cursos de natación para bebés e niveis (de cero a catro) para nenos e nenas desde 3 a 16 anos. Para @s bebés (nen@s nados entre 2020 e 2022) as sesións serán de 30 minutos de duración, e os cursos impartiranse unha vez á semana.
Para o nivel 0 (nenos e nenas nados no 2019) as sesións terán unha duración de 30 minutos e tendo a posibilidade de escoller unha ou dúas sesións á semana mentres que para os niveis de 1 a 4 haberá unha ou dúas sesións, dunha hora de duración, á semana.
Para as persoas adultas haberá cursos de natación (iniciación e perfeccionamento) e de matronatación. As sesións, en todos os casos, terán unha duración de 60 minutos e o número de sesións oscilará entre dúas e tres.
Por outra banda, a piscina municipal continúa coa súa proposta de actividades dirixidas, ofertando, este ano, aquagym, adestramento funcional, pilates e GAP. As sesión en todos os casos terán unha duración de 60 minutos e o número de sesións oscilará entre dúas e tres.