Abre a inscrición nas Pontes para unha actividade para mulleres coidadoras
O Concello das Pontes, que iniciou con motivo do 8 de marzo a campaña Unha EXPERIENCIA DE COIDADO, CORRESPÓNdeche escoller a túa, para sensibilizar e dinamizar á poboación en materia de igualdade e visibilizar e poñer en valor o traballo de coidados, abre hoxe o prazo de inscrición para participar na actividade da campaña Coidando a mulleres que coidan.
Con esta actividade búscase promover o autocoidado e a incorporación de técnicas na vida diaria que favorezan un maior benestar psicolóxico e reduzan as alteracións emocionais derivadas dos coidados. Realizarase en modalidade online (a través da plataforma Zoom) e constará de 6 sesións, cunha duración aproximada de unha hora.
Todos os xoves, do 8 de abril ao 13 de maio en horario de 18h30 a 19h45, a terapeuta corporal Mita Beutel, unha das grandes referentes no campo do Mindfulness en España, iniciará ás mulleres participantes nesta técnica, cuxos beneficios para a redución do estrés e o malestar emocional están amplamente constatados.
Ao longo das sesións, e da man desta profesional, realizaranse prácticas que buscarán centrar ás participantes no momento presente, coas que poidan aprender estratexias para promover o autocoidado e favorezan un maior benestar psicolóxico, reducindo con iso as alteracións emocionais derivadas dos coidados.
Para participar, é preciso inscribirse a través do enlace publicado en redes sociais e na páxina web ou chamando ao 604 025 160. As prazas dispoñibles son limitadas.