Abre a inscrición para a Mostra Musical do Eixo Atlántico que se celebrará en Vilalba

TerraChaXa
Poden participar solistas ata 18 anos e integrantes de agrupamentos ata 25 anos
mostra-musical-eixo-atlantico
23 Jan 2026

O Eixo Atlántico anuncia a apertura do prazo de inscrición para a IX Mostra Musical, que se celebrará os días 23 e 24 de maio de 2026 en Vilalba, no Conservatorio Profesional de Música e no Auditorio Municipal Carmen Estévez.

Os municipios do Eixo Atlántico poden realizar ata 4 inscricións: 2 quedarán automaticamente inscritas e 2 quedarán pendentes do número total de participantes nesta edición. As inscricións poden presentarse ata o 27 de febreiro.

Organizada con carácter bienal desde 2008, a Mostra Musical do Eixo Atlántico celebrouse en diferentes cidades da Eurorrexión e reúne en cada edición entre 300 e 400 mozos e mozas músicos.

A Mostra Musical está dirixida a estudantes de escolas de música e conservatorios profesionais de Galicia e do Norte de Portugal, pertencentes a municipios membros do Eixo Atlántico.

Os intérpretes solistas poderán participar ata os 18 anos, distribuídos en catro grupos de idade:

  • Grupo A: ata 10 anos
  • Grupo B: de 11 a 12 anos
  • Grupo C: de 13 a 15 anos
  • Grupo D: de 16 a 18 anos

Os intérpretes dos agrupamentos musicais poderán participar ata os 25 anos. Haberá unha fase previa (23 de maio, sábado) na que todos os participantes serán escoitados e avaliados por un xurado que seleccionará 12 finalistas. Na fase final (24 de maio, domingo) o xurado escoitará os finalistas e outorgará os premios.

Premios

  • Solistas: de 400 a 1.000 euros, máis a escultura do Eixo Atlántico, segundo o grupo de idade.
  • Agrupamento de cámara: 1.500 euros e escultura do Eixo Atlántico.
  • Agrupamentos maiores: 2.500 euros e escultura do Eixo Atlántico.

A IX Mostra rematará o 24 de maio pola tarde cun programa musical, a entrega de premios e unha homenaxe a un músico da Eurorrexión, no ámbito da música clásica ou do jazz, como recoñecemento do Grupo Temático de Educación e Cultura do Eixo Atlántico á súa traxectoria musical.

⚙ Configurar cookies
0.075545072555542