Abre a inscrición para o campamento de Castro de Viladonga para galegos do exterior

LugoXa | TerraChaXa
O programa desenvolverase do 29 de agosto ao 9 de setembro no campo de voluntariado
campamento-castro-de-rei-exterior
Campamento de voluntariado en Castro de Viladonga
4 Xuño 2024

A Xunta abriu a convocatoria de Conecta Voluntariado Galicia tras publicarse no Diario Oficial de Galicia as axudas da Secretaría Xeral da Emigración para a participación neste programa de lecer, que ofrece 20 prazas para que mozos e mozas galegas residentes no exterior de entre 21 e 30 anos poidan coñecer Galicia a través de actividades que se desenvolverán no campo de voluntariado do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, Lugo, entre o 29 de agosto e o 9 de setembro.

O programa realízase coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Esta iniciativa ten como obxectivo promover os lazos con Galicia a través de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria a través de traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental da nosa contorna e da recuperación do patrimonio cultural. O plan do traballo compleméntase cun programa con actividades de convivencia, formación e tempo libre.

En total, ofértanse 20 prazas, distribuídas entre os diferentes países con maior presenza de colectividade galega. As e os interesados deberán presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta ou das entidades colaboradoras nos distintos países: as delegacións da Xunta en Bos Aires e Montevideo, a Peña Galega da Casa de España de Río de Xaneiro, a Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instrução, en São Paulo, a Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Beneficiencia Rosalía de Castro en Santos, a Asociación Cultura Caballeros de Santiago en Salvador de Baía, a Federación de Sociedades Gallegas na Habana, a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas e nos rexistros dos consulados de España.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e tempo libre dirixidas á xuventude do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de cidadás e cidadáns galegos nos programas e servizos a favor da xuventude. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe, dos traslados das e dos participantes e custo dos billetes dende o lugar de residencia destas persoas, así como dos desprazamentos terrestres, aloxamento e manutención en Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o próximo 1 de xullo.

0.18687605857849