Abre a inscrición para o VI Slalom Concello de Guitiriz de automobilismo

TerraChaXa
A proba celebrarase o sábado 26 de abril e nela repartiranse 1850 euros en premios, 900 deles en tres trofeos especiais
slalom-guitiriz-ruta-da-auga
28 Mar 2025

Un ano máis, o Concello de Guitiriz será a sede dunha das probas puntuables para o Campionato de Galicia de Slálom de automobilismo, coa celebración da sexta edición do Slalom Concello de Guitiriz Gran Premio Ruta da Auga. A proba é de carácter nacional e está organizada en conxunto polo Concello, o Club Escudería Scratch Fene e a ACRDS Sratch Galicia.

Os interesados en participar xa se poden inscribir a través do formulario habilitado na páxina web da Federación Galega de Automobilismo ata o luns 21 de abril ás 20:00 horas.

A proba de habilidade ao volante celebrarase nun circuíto de asfalto emprazado nas inmediacións do Campo da Feira de Guitiriz. Dará comezo a partir das 16:30 horas, pero desde as 8:30 horas estaranse a realizar os diferentes trámites previos á competición. Por outra banda, a entrega de premios está programada a partir das 21:15 horas.

Na proba repartiranse un total de 1850 euros en premios. 950 corresponden aos premios regulamentados, que serán repartidos entre os oito primeiros clasificados. Os máis cuantiosos corresponden aos tres primeiros, que ademais dun trofeo recibirán 300, 200 e 100 euros.

Por outra banda, haberá tres trofeos especiais nos que se repartirán 900 euros extras. O VI Trofeo Feminino Pub Zeus, o I Trofeo Traseiras Pub Titanic e a maior novidade, o I Trofeo Pilotos Lucenses Carnicería Vitorio. En cada un deles os tres primeiros clasificados recibirán 150, 100 e 50 euros.

⚙ Configurar cookies
0.27280020713806