Abre a inscrición para os minicampamentos de verán da Xunta
Trátase de estadías de cinco días de duración, de luns a venres, que se distribúen en 30 quendas. Fisterra e Sada serán as dúas novas localizacións deste programa.
A Xunta presentou onte os minicampamentos de verán, que este ano celebrarán a súa terceira edición. A inscrición para as 600 prazas ofertadas pode facerse xa na web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pechará cinco días antes do inicio de cada quenda ou, no seu caso, ata completarse.
Os minicampamentos Coñece Galicia están dirixidos a nenos e nenas de entre 10 e 14 anos. A súa programación serve para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte dos máis novos, así como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo. Co obxectivo de facelos máis accesibles, o Goberno galego aplicará descontos do 50% ás familias numerosas ou monoparentais e do 25% a todos os usuarios do Carné Xove.
Os minicampamentos teñen un dobre obxectivo: por unha banda, ofrecer unha opción de lecer activo ás mozas e mozos galegos, coa particularidade de que son estadías de cinco días de duración; e, por outra, axudar a dinamizar o sector hostaleiro. Trátase, engadiu, de ofrecer un verán tranquilo e un verán seguro ás familias e aos seus fillos.
Paddle surf, gincanas e xeoaventura
Ademais do minicampamento Descubrindo a Bela Fiserra, onde os participantes poderán gozar de actividades náuticas como surf ou kayak, así como saídas a espazos singulares como a Fervenza do Ézaro, o programa ofrece outras doce propostas distribuídas por toda a xeografía galega, que inclúen gincanas, xeoaventura, rastrexo de fauna ou tiro con arco, entre outras actividades.
Na provincia da Coruña, ademais do de Fisterra, terán lugar dous minicampamentos: Valdoviño Mariño, con actividades náuticas e de multiaventura, e Náutica e audiovisual en Sada. Na de Pontevedra desenvolveranse Aventura en Paradanta, no concello de Covelo; O noso rural, en Lalín; e Natura, no Salnés. Ourense, pola súa banda, ofrecerá as iniciativas Somérxete na natureza, na Pobra de Trives; e Acción no Arnoia, en Allariz; e Lugo, A conquista de Foz; Eco-Verán, en Monforte; Aventura na montaña, en Cervantes; A descuberta da Pobra do Brollón; e Xeocampamento nas montañas do Courel, en Folgoso do Courel.
Estas localizacións súmanse ás ofertadas nos campamentos e nos campos de voluntariado que, xunto aos minicampamentos, integran a maior programación da Campaña de Verán da historia de Galicia que chegará en 2022 a máis de 10.800 prazas.