Abre a inscrición para os primeiros cursos da Aula Mentor de Xermade

TerraChaXa
O Concello de Xermade abriu o prazo de matriculación nos cursos Cisco que se impartirán na nova Aula Mentor, situada na Biblioteca municipal.
novos cursos aula mentor xermade portada
18 Xan 2022

O Concello de Xermade abriu o prazo de matriculación nos cursos Cisco que se impartirán na nova Aula Mentor, situada na Biblioteca municipal.

Os cursos que se ofertan están integrados en tres eixes. O primeiro é o de  CCNA v7: Certificación Académica CISCO en redes de ordenadores. Esta certificación na versión 7 consta de 3 módulos, tendo cada módulo unha duración de cinco meses.

O segundo curso, co nome CCNA CyberOps Associate, formará aos alumnos en destrezas para coñecer as vulnerabilidades que se producen en ciberseguridade, os sistemas operativos que utilizan; detectar os tipos de ataque, os métodos que utilizan; protexer os datos persoais, os corporativos, todas as infraestruturas, etc. É recomendable que o alumnado teña coñecementos básicos dos sistemas operativos Linux e Windows, coñecemento de redes equivalente aos módulos 1 e 2 de CCNA. Ten unha duración de cinco meses.

Dev Net v1 é o terceiro curso. Está dirixido a todas aquelas persoas interesadas en iniciarse ou perfeccionar nos conceptos e a práctica de programación de redes. Recoméndase ter coñecementos previos de PCAP (Programming Essentials in Python), CCNA, CCNP ou CiberOps Associate. Presenta as metodoloxías e as ferramentas de desenvolvemento de software moderno, aplicadas ás operacións de Tecnoloxías da Información e a rede.

O contido do mesmo cobre todas as necesidades relativas á xestión de microservicios, contedores e operacións de desenvolvemento, así como a automatización segura de infraestruturas con interfaces de programación de aplicacións (API). Duración de cinco meses.

O prazo de matrícula xa está aberto ata esgotar prazas con data límite no 28 de xaneiro e o día 7 de febreiro comezarán coas formacións.

Os cursos Cisco ofertados dentro do programa Mentor, conlevan o mesmo custo mensual que o resto dos cursos, pero neste caso seguen unha planificación establecida cunha duración de 5 meses os cursos CCNAv7, CCNA CyberOps Associate e Dev Net v1, o que conleva un prezo pechado dos mesmos de 120 euros.

0.20094799995422