Abre ao público en Guitiriz a exposición 'Fauna esencial'

TerraChaXa
Trátase dunha iniciativa de Afundación e Abanca, en colaboración co Concello, que está situada na Escola Habanera
exposicion-fauna-esencial-escola-habanera
22 May 2025

Hoxe, xoves 22 de maio, quedou inaugurada na Escola Habanera de Guitiriz a mostra Fauna esencial, impulsada por Afundación, que estará aberta ao público ata o venres 20 de xuño.

No acto de apertura participaron a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o coordinador institucional de Abanca en Lugo, Carlos Teijeiro Pita; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. Ademais, tamén estivo presente o alumnado de sexto de primaria do CEIP Lagostelle.

Marisol Morandeira invitou aos rapaces e rapazas a “desfrutar da exposición” e agradeceu “a Afundación e a Abanca que a trouxesen a Guitiriz, ademais de ao CEIP Lagostelle por prestarse a participar”. A rexedora salientou “a importancia de concienciar á mocidade sobre a preservación do medio no que vivimos”.

Carlos Teijeiro explicou que “para Abanca é moi importante estar presente na vida social e cultural das localidades” e animou a “fixarse nas fotos que forman a exposición pero, sobre todo, a levar a idea de cuidar a fauna e de velar pola sustentabilidade do concello”.

Beatriz Fernández deu unhas “grazas especiais ao Concello, que sempre nos dá facilidades, e ao CEIP Lagostelle por querer sumarse” e tamén indicou que “seguindo a nosa corrente de solidariedade na planta baixa colocouse un estante para que, quen o desexe, poida depositar alimentos non perecedoiros que logo o Concello entregará a familias menos desfavorecidas”.

28 fotografías de diferentes especies

Trátase dunha exposición que chega ao municipio chairego froito da colaboración entre o Concello, Afundación e Abanca dentro do proxecto Corrente cultural, unha iniciativa de Afundación que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo.

A mostra estará dispoñible para a súa visita ata o 20 de xuño, con entradas completamente gratuítas de luns a xoves de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:30 horas e os venres só en horario de mañá.

A exposición está formada por 28 fotografías de gran formato feitas polo naturalista Ezequiel Martínez. Cada imaxe conta cun texto explicativo que recolle datos sobre as diferentes especies, explicando os aspectos máis importantes sobre cada unha delas e creando unha viaxe enriquecedora pola diversidade da nosa fauna.

⚙ Configurar cookies
0.1859188079834