Abre en Begonte a exposición cos cadros que se presentaron ao Certame Galego de Arte do Belén

TerraChaXa | AMariñaXa
Poderá visitarse ata o 30 deste mes, un día antes da entrega dos premios na xornada de clausura
obra-ganadora-belen-de-begonte
22 Jan 2026

A Casa da Cultura de Begonte acolle estes días a exposición dos cadros presentados ao XXXVI Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán, unha iniciativa convocada polo centro cultural do mesmo nome, impulsor do Belén de Begonte e que gañou o mariñao Hipólito Xeada.

A mostra estivo anteriormente na Sala de Arte da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, onde permaneceu exposta desde finais do pasado mes de decembro, e poderá visitarse agora na Casa da Cultura de Begonte ata o día 30 deste mes.

A entrega dos premios dos distintos certames organizados polo Centro Cultural José Domínguez Guizán con motivo do Nadal en Begonte celebrarase o vindeiro sábado 31 de xaneiro, nun acto que terá lugar no salón de actos do Belén.

Hipólito Xeada, natural de Alfoz, resultou gañador do XXXVI Certame Galego de Arte do Belén de Begonte co seu traballo titulado A ilusión do Nadal, unha obra coa que, segundo o xurado, conseguiu reflectir á perfección o ambiente característico do Belén de Begonte. O galardón corresponde ao Premio José Domínguez Guizán, dotado con 2.000 euros e diploma.

Xunto ao premio principal, o xurado decidiu conceder mencións de honra pola alta calidade das obras presentadas. Foron recoñecidos Manuel Carballeira Rivas, de Valdoviño, pola obra A Chaira; Andrés Gabarres Cagiao, de Ferrol, por Huellas del tiempo; e Santiago Lago Canzobre, tamén de Ferrol, pola obra Otoño en la ciudad.

⚙ Configurar cookies
0.087790012359619