Abre en Begonte o prazo de inscrición para as actividades socioculturais e deportivas

O Concello de Begonte vén de abrir o prazo de inscrición para as actividades socioculturais e deportivas do curso 2025/2026, dirixidas a nenos, mozos e adultos. O período para presentar solicitudes permanecerá aberto do 8 ao 26 de setembro, e a listaxe de admitidos publicarase o 30 de setembro, podendo consultarse nas dependencias municipais.
Para formalizar a matrícula será necesario entregar a solicitude cuberta e asinada no rexistro do Concello ou ben remitila a través da sede electrónica. Xunto coa solicitude deberá achegarse a certificación da conta bancaria co código IBAN do alumno inscrito ou, no caso de menores de idade, do pai, nai ou titor legal.
Con esta convocatoria, o Concello de Begonte ofrece á veciñanza a posibilidade de participar nun amplo abano de actividades formativas, culturais e deportivas, reforzando así a súa aposta polo lecer saudable e pola dinamización social do municipio.