Abre en Friol o Centro de Día Terapéutico xestionado por Afalu
A Xunta creará 14 prazas públicas de atención ao Alzheimer no novo centro de día de Afalu no concello de Friol que abrirá as súas portas nas vindeiras semanas. A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou as instalacións en conmemoración do Día Internacional do Alzheimer, que se celebra hoxe, e aproveitou para incidir na importancia dun diagnóstico precoz e dunha rede ampla de coidados para facer fronte a esta doenza. Nesta xornada deuse así por inaugurado este novo edificio, o Centro de Día Terapéutico.
Fabiola García agradeceu a Afalu o seu traballo no coidado das persoas con Alzheimer e sinalou que o Goberno galego seguirá traballando da man das entidades que conforman a Federación de Alzheimer Galicia (Fagal) para levar máis servizos de calidade por toda Galicia. Afalu reforza a súa presenza en Friol coa creación deste centro de día xa que neste concello conta cunha unidade de atención terapéutica.
A Xunta destinará 170.000 euros ao ano para a prestación de servizos de atención e transporte neste centro. Así mesmo, tamén colabora con Afalu na posta en marcha dos centros de día que esta asociación ten en Lugo e Ourense, así como noutros programas de prevención e estimulación cognitiva.