Abre en Meira a mostra sobre Castelao da Vicepresidencia da Deputación

TerraChaXa
Inaugurouse cunha visita teatralizada e poderá visitarse nos próximos 15 días na Casa da Cultura
exposicion-castelao-meira
12 Sep 2025

A Casa da Cultura de Meira acollerá durante a vindeira quincena a mostra Sempre en Galiza. 1944-2024, sobre a obra cumio do pensamento político de Castelao, un alegato a prol do recoñecemento da identidade nacional de Galiza.

A deputada de Cultura Iria Castro achegouse onte á inauguración da mostra que contou cunha visita teatralizada a cargo da compañía Os Quinquilláns e na que participaron alumnado do IES Pedregal de Irimia e do CEIP Poeta Avelino Díaz.

A mostra instalada na Casa da Cultura, está formada por oito paneis que resumen o contido da obra, con textos descritivos e reproducións de fotos históricas e debuxos de Castelao.

Trátase dunha descrición cronolóxica, que explica os textos en relación coa súa actividade política desde 1934, cando asina os primeiros artigos, no desterro estremeño, ata 1944, cando se funda o Consello de Galiza, goberno galego no exilio do que foi primeiro presidente, e se publica a primeira edición da obra.

A mostra, comisariada por Henrique Monteagudo e coordinada por Xesús Domínguez Dono, viaxa pola provincia da man da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que impulsa a súa itinerancia coincidindo co 75 cabodano do artista e política nacionalista co obxectivo de achegar á cidadanía unha figura fundamental para a historia galega contemporánea.

Ademais da visita teatralizada, a exposición acompáñase da representación da obra Cousas, unha montaxe teatral baseada no libro de relatos de Castelao.

⚙ Configurar cookies
0.17580795288086