Abre en Outeiro unha mostra coas fotografía premiadas no concurso da Muller
O Concello de Outeiro de Rei acolle estes días unha exposición cos traballos presentados ao III Concurso de Fotografía A muller traballadora no Concello de Outeiro de Rei.
As fotografías premiadas neste certamen foron para dúas mulleres veciñas de Outeiro de Rei, que recibiron 200 euros e un diploma acreditativo.
Na sección de fotografías antigas gañou a fotografía titulada Meu Leitiño, achegada por Vanesa Lozano Corral cunha escena tomada en Guillar no ano 1968.
Na sección de fotografías actuais gañou a fotografía Na procura de calorciño para o inverno, realizada en 2018 en Matela e achegada por Teresa Rodríguez Barreiro.
Meu Leitiño foi cualificada polo xurado como "imaxe singular que mostra unha muller mirando cara a cámara tirando das rendas dun cabalo para acudir vender o leite. Esta fotografía serve para lembrar o papel das mulleres nas economías domésticas, onde labores como muxir as vacas, facer os queixos ou desnatar o leite estiveron tradicionalmente reservados ao sexo feminino, e deron lugar a oficios como os de queixeira ou leiteira".
Sobre Na procura de calorciño para o inverno din que é "unha imaxe actual que mostra unha muller exercendo unha actividade non remunerada no seu ámbito privado, unha actividade reservada tradicionalmente aos homes como é a de cortar a leña para ter o fogar abastecido cara ao inverno".
Engaden tamén que "ambas imaxes contribúen a que as mulleres se poidan sentir recoñecidas na súa aportación á sociedade a través delas mesmas e dos seus traballos. Consideramos que ambas imaxes serven para facer unha chamada de atención para que a sociedade sexa consciente do traballo calado, desvalorizado e pouco ou nada remunerado que as mulleres realizaron e seguen a realizar no ámbito familiar.”
Ademais das fotografías presentadas ao concurso, completan a mostra as fotografías gañadoras nas pasadas edicións e unha instantánea tomada en Arjeriz; todas elas poderán verse na Casa da Cultura ata o día 28 de marzo en horario de 9:00 h a 14:30 h.